Ir ao contido
XanIAGPL xaniagpl.dev Castellano

Sobre min

Físico de formación, dezanove anos administrando sistemas, e agora IA axéntica: deseño e programo axentes que resolven necesidades reais.

Logotipo de XanIAGPL: unha vieira debuxada como circuíto electrónico cun chip en forma de cerebro

En resumo

Licenciado en Ciencias Físicas (especialidade de Electrónica) pola Universidade de Santiago de Compostela, con dezanove anos de experiencia en TIC: programador, cofundador dunha empresa de software, xerente e técnico de sistemas — entre outros sitios, na Corporación Voz de Galicia. Xestión de infraestruturas críticas, administración de servidores e soporte técnico.

Despois houbo un desvío que non aparece nos currículos ao uso: máis de seis anos como agricultor ecolóxico, planificando produción e insumos. Serviu para aprender a xestionar un sistema onde os erros se pagan cunha colleita.

Tamén houbo unha etapa fóra das pantallas: formación de nivel medio en almacén e loxística —uns 900 horas, incluído un certificado de profesionalidade de 408 h con prácticas— e unha primeira experiencia curta no sector. Coñecer por dentro como se move a mercancía axuda cando un proxecto como SupplyWatch fala de cadeas de subministración.

Hoxe deseño e constrúo proxectos de intelixencia artificial que resolven necesidades reais, preferiblemente útiles para o ben común. Non son encargos nin traballo por conta propia: son o meu portfolio —a proba verificable de traballo coa que busco reincorporarme a unha empresa por conta allea, como explico en «Que busco».

O que me diferencia, dito sen rodeos

A miña parte forte é a IA axéntica: deseñar e programar axentes —sistemas que deciden que ferramenta usar, en que orde e cando parar—, non só escribir prompts. E non sempre con un framework: en Contos infantís o coordinador e os axentes están construídos ad hoc, a medida; en BitácorIA usei LangGraph e en EnergyOracle CrewAI, porque neses casos compensaban.

O despregamento vén de serie: administrei servidores durante case dúas décadas antes de tocar un modelo. A parte que máis se lle atraganta a quen chega á IA desde a ciencia de datos —poñer un sistema en produción, que non se caia, que teña copias que se restauren de verdade, que se actualice só— é a que xa tiña aprendida.

Iso explica por que os proxectos desta web non son cadernos de Jupyter: son sistemas despregados, con contedores, proxy inverso, copias verificadas e actualización automática de dependencias.

Formación, por áreas

Non «cursos varios»: 124 cursos rematados e ~2.648 horas contabilizadas, máis 14 en curso. Mellor contalo por áreas, que é onde se ve onde está o peso:

O máis relevante:

Unha precisión que importa: de moitos destes cursos teño o título; doutros —sinaladamente os de 365DataScience— rematei o contido pero non teño o certificado emitido, porque require manter unha subscrición de pago. Prefiro dicilo a que alguén o descubra despois.

Idiomas

Galego e castelán nativos. Inglés, certificado B2 pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña.

Como traballo

Tres criterios que se aplican en todo o que hai nesta web:

As fontes decláranse. Cada proxecto di de onde saen os seus datos, con enlace ao organismo que os publica e o ano de referencia. Un dato sen procedencia non é un dato, é unha afirmación.

O que non funciona, dise. Se un sistema non alcanza a fiabilidade que se lle pedía, figura na súa ficha. É máis útil para quen o vai usar, e evita a situación incómoda de que o propio panel desminta a portada.

Os datos sensibles non saen da infraestrutura propia. Cando un proxecto trata información de persoas en situación de vulnerabilidade, a inferencia execútase en local aínda que custe máis. As ferramentas de demostración que si usan servizos externos dino expresamente na súa ficha.

Todo é software libre, baixo AGPLv3 — e a distinción importa: non digo «código aberto», que describe un método de traballo, senón software libre, que fala das liberdades de quen recibe o programa: usalo, estudalo, modificalo e redistribuílo. A AGPL é das licenzas que máis insisten niso, porque estende esa obriga tamén a quen só interactúa co programa pola rede.

Que busco

Un contrato indefinido nunha empresa, en roles de IA axéntica, enxeñaría de datos ou plataforma e despregamento. Non busco encargos soltos: busco incorporarme a un equipo.

Esta web é o escaparate. Todo o que hai nela está construído por min, funciona, e o código pódese ler enteiro — que é bastante máis do que se pode comprobar nunha entrevista de unha hora.

Se estás valorando a miña candidatura e queres o currículo completo ou preguntar calquera cousa, escríbeme. Tamén podes preguntarlle directamente ao xemelgo dixital, que responde sobre a miña traxectoria a partir do currículo real.